Dobre presentación nun Arosa que avanza no seu novo proxecto deportivo

O Salnés
20 de xuño 2018

O club arlequinado presentou este xoves a Iago Martínez e a Chiqui, que se unen a Manu Táboas como as primeiras fichaxes do proxecto que dirixirá Rafa Sáez co obxectivo de pelexar polos primeiros postos da categoría

O Arosa presenta a Chiqui e Iago Martínez Arosa SC

Empeza a desvelar o Arosa o seu novo proxecto deportivo, dirixido por Rafa Sáez desde o banco e co que aspira a poder pelexar polos primeiros postos da Terceira División e por entrar no play-off de ascenso.

Despois da fichaxe do gardameta Manu Táboas, procedente do Céltiga, o club arlequinado presentou este xoves á súa segunda e terceira incorporación.

Trátase de Óscar Castellano 'Chiqui' e de Iago Martínez.

O primeiro deles é un extremo que pode actuar por ambas as bandas, procedente do CD Choco, e o segundo é un central zurdo formado na canteira do Pontevedra e que procede do filial do Celta de Vigo, co que apenas gozou de oportunidades o último ano na Segunda División  B.

Estes nomes únense ao renovado Sylla e ao repescado Nacho, cedido esta tempada no Cambados, mentres que o club presentou oferta para continuar a  Sergio Santos e a Julio Rey.

Segundo deu a coñecer a última asemblea xeral do Arosa, o club presidido por Manuel Abalo destinará 190.000 euros á confección do primeiro plantel dentro dun orzamento xeral de gastos de 275.000 euros.