Dobre triunfo do Arxil ante o Olivais portugués no Cidade de Pontevedra

Pontevedra
04 de xaneiro 2015

O club verde tamén foi superior nos duelos das categorías inferiores, nas que só cedeu o Infantil C

Partido amigable entre o Arxil e o Olivais no CGTD PontevedraViva

O equipo de Liga Feminina 2 do Club Baloncesto Arxil non regala esta tempada nin os encontros amigables.

As rapazas adestradas por Mayte Méndez estrearon o ano cun dobre amigable ante o Olivais de Coimbra para preparar o seu regreso á competición oficial, sumando dous triunfos cómodos.

O conxunto verde gañou por 63-54 ás lusas na tarde-noite do sábado nun partido disputado no Pavillón Municipal dos Deportes, e este domingo, no Centro Galego de Tecnificación repetiu vitoria (62-45) para adxudicarse o XXI Trofeo Cidade de Pontevedra.

A fin de semana resultou redonda para o club pontevedrés, xa que tamén se quedou co trofeo destinado ás categorías inferiores.

Só o Infantil C cedeu unha derrota apertada por 30-33, mentres o Cadete gañou por 68-33, o Infantil A por 61-40 e o filial sénior por 90-44.