Dobrete da Gimnástica no campionato galego de clubs de probas combinadas en pista cuberta

Pontevedra
21 de decembro 2022

Os equipos masculino e feminino da escuadra pontevedresa impuxéronse con comodidade en ambas as categorías

Atletas da Gimnástica no podio do campionato galego de probas combinadas

A pista cuberta de atletismo de Ourense foi escenario a pasada semana do campionato Xunta de Galicia de Probas Combinadas por clubs no que a Sociedad Gimnástica proclamouse campioa nas categorías masculina e feminina.

O equipo gañador feminino estivo integrado por Andrea Villaverde, Aloia Vilas e Mariña Artemia. Entre as tres lograron un total de 8.595 puntos que lle deron un cómodo triunfo por diante de equipos como A Purísima con 7.844 puntos e do Riazor Coruña con 7.310 puntos.

En categoría masculina o equipo formárono Matías Moldes, Alejandro Villaverde, Óscar Monteagudo e Nicolás Quiñones os que lograron o triunfo para os pontevedreses despois de sumar un total de 12.106 puntos e impuxéronse tanto aos conxuntos do Atletismo Narón con 10.536 puntos como ao do Atletismo Sada con 10.294 puntos.

Ademais do campionato, desenvolveuse un critérium galego de combinadas e tres xornadas de controis que contaron cun amplo número de participantes e bos rexistros de nivel xeral que derivaron na consecución dun bo número de marcas míninas para os distintos campionatos de España de Pista Cuberta.