Dous días de merecido descanso tras unha semana redonda

Pontevedra
07 de novembro 2016

Resaca doce no Pontevedra tras o triunfo deste domingo ante un aspirante ao ascenso como a Ponferradina. Luisito deu dous días de descanso ao plantel antes de empezar a preparar a visita ao campo do líder, a Cultural Leonesa, para compensar o esforzo dunha semana na que lograron tres vitorias en apenas sete días

Jacobo Trigo, no partido entre Pontevedra e Ponferradina en Pasarón Diego Torrado

Resaca doce no Pontevedra tras o triunfo deste domingo ante un aspirante ao ascenso como a Ponferradina.

O equipo pontevedrés mostrou en Pasarón a súa versión máis sólida e comprometida, cun importante esforzo físico nunha semana moi esixente, na que afrontou tres partidos en sete días.

O pleno de vitorias, tres de tres, consolidou aos granates na zona de play-off de ascenso e disparou o optimismo na contorna, aínda que Luisito quere rebaixar polo momento as espectativas asegurando que "eu non o miro, eu só penso en ir o domingo a León" e que o seu obxectivo é só "mellorar ou da tempada pasada". 

Así o expresou en sala de prensa tras o partido, onde revelou ademais que deu dous días de descanso ao plantel despois de "12 días coma unha bala" e porque "hai futbolistas que están moi afogados, que non tiveron tempo de recuperar".

Bonilla será baixa en León por acumulación de amoestacións

Varios deles, como Mario Barco ou Jacobo Trigo, concluíron o encontro ante a Ponferradina con algunha molestia física, polo que o descanso viralles ben antes de afrontar un novo e esixente reto, visitar á Cultural Leonesa (domingo, 17:00 horas), actual líder da competición e "a día de hoxe o mellor equipo da categoría de largo", sinalou Luisito.

O equipo volverá ao traballo o mércores para preparar esta cita, na que volverá estar dispoñible Abel Suárez pero que se perderá Javi Bonilla por sanción. O lateral zurdo, autor do primeiro tanto e asistente no segundo este domingo, viu no tramo final do choque a que é o seu quinto cartón amarelo da tempada. 

Ademais da súa ausencia, o adestrador granate adiantou que seguirá introducindo cambios no equipo, cunhas rotacións que nas últimas xornadas déronlle un grande rendemento.