O centro da cidade acolleu, durante as xornadas deste venres e sábado, a III edición do Saltar na Rúa, unha iniciativa da Ximnástica de Pontevedra que ten como obxectivo promocionar o atletismo. E que mellor forma de facelo que levalo á Praza da Ferrería.
Durante os dous días de actividade, nenos e mozos de todas as idades puideron coñecer, de primeira man, os segredos de diferentes disciplinas como o salto de lonxitude, o salto con pértega ou o triplo salto. Pero todo isto con axuda dos mellores profesionais na materia. Deportistas da talla de Santi Ferrer, Beatriz Viteri, Pablo Modia, Alicia Merino, Alfonso Pombais ou Alba Cuns tomaron parte como instrutores na cita, que ten todas as papeletas para converterse nun fixo no calendario deportivo pontevedrés.
A todo isto sumouse a gran exhibición final, que, pola súa banda, tamén puxo a guinda definitiva a dous días de actividade. Esta correu a mans dos mellores deportistas autonómicos e nacionais, que comezaron a súa parte ao redor das 19:30 horas deste sábado.