Non puideron ir mellor as cousas para o ciclismo pontevedrés, e en particular para o marinense, no Campionato de España de Ciclocrós que se disputou en Tarancón (Conca).
Lorena Patiño e Pedro Cidrás colgaron a medalla de ouro nas modalidades sub23 feminina e cadete masculino, respectivamente, proclamándose así campións nacionais.
Patiño obtivo o seu cuarto título consecutivo nesta modalidade, o primeiro na categoría sub23. Fíxoo tras unha extraordinaria carreira na que tivo que sobreporse a un contratempo mecánico.
Finalizou cuarta na clasificación absoluta, a 47 segundos da valenciana Sofia Rodríguez, a gañadora elite no rápido trazado conquense.
A tamén marinense Irene Trabazo, pola súa banda, finalizou sétima na súa categoría -elite- e decimosegunda na táboa xeral.

O ouro para Lorena Patiño chegou xusto un día despois do que logrou Pedro Cidrás, ciclista do XSM de Marín, na carreira cadete.
Tras unha carreira moi axustada, o de Marín impúxose ao sprint na recta de meta ao aragonés Marco Latorre. Terceiro, a 15 segundos dos dous primeiros, terminou o redondelano Guillermo García.
RAUL MIRA REVALIDA O TÍTULO
A estes dous triunfos súmase un terceiro con acento pontevedrés. O valenciano Raul Mira, corredor do equipo Super Froiz, revalidou o seu título nacional na categoría sub23.
Fíxoo impoñéndose en solitario, con 19 segundos de vantaxe, sobre o madrileño Emilio Reinoso.

Outro galego que esta tempada subiu de categoría estivo tamén entre os mellores na carreira elite masculina.
Trátase de Miguel Rodríguez (Super Froiz), campión sub23 o ano pasado nas Pontes, que acabou quinto na categoría elite. O seu compañeiro, Gonzalo Inguanzo, foi sétimo. O título foi para o valenciano Felipe Orts.
Ao podio, pola súa banda, tamén logrou subirse Marina González, corredora do Super Froiz, como subcampioa #Máster-40B.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.