Lorena Patiño cóase na festa do Froiz como mellor sub-23 da Copa de España de Ciclocrós

Pontevedra
09 de decembro 2025
Actualizado: 11:13

Gonzalo Inguanzo e Raúl Mira, ciclistas do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, aseguraron a fin de semana o seu triunfo final na Copa de España, tanto elite como sub-23 masculina

Lorena Patiño, Gonzalo Inguanzo e Raúl Mira no podio final da Copa de España de Ciclocrós
Lorena Patiño, Gonzalo Inguanzo e Raúl Mira no podio final da Copa de España de Ciclocrós / RFEC

A Copa de España de Ciclocrós chegou ao seu fin cunha dobre cita de fin de semana na Comunidade Valenciana.

Un certame nacional que se pecha con varios nomes propios, como o do Grupo Deportivo Supermercados Froiz e o da marinense Lorena Patiño.

A ciclista de Marín foi a gran sorpresa da dobre cita decisiva ao confirmarse como a mellor sub-23 da Copa de España, a pesar de non ter disputados as súas primeiras probas puntuables.

Patiño foi cuarta en Xátiva a só 23 segundos da vencedora absoluta, como mellor sub-23, e foi sexta no III Trofeo Ciclocrós Rafa Valls concluíndo a Copa na quinta posición do xeneral con 66 puntos e adiantando 'in extremis' como mellor menor de 23 anos a Marta Beti (60 puntos).

Doutra banda o Grupo Deportivo Supermercados Froiz logrou un dobrete inédito na súa historia, ao traer para casa o triunfo final tanto na categoría elite masculina como na sub-23, con Gonzalo Inguanzo e Raúl Mira.

Inguanzo, a pesar de ser oitavo en Xátiva o sábado, sumou os puntos necesarios para asegurarse a vitoria final grazas ao seu catro triunfos en citas previas, e sen ter que esperar á última carreira do calendario.

En canto a Raúl Mira, rozou o podio absoluto en Xátiva sendo cuarto ao ser superado no sprint por Kevin Suárez, e décimo un día despois asegurándose o xeneral.

Tras estes éxitos a tempada de ciclocrós aínda garda a súa traca fina con eventos como o Campionato de España e a Copa do Mundo que se vai a celebrar en Benidorm.