O Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol confirmou este mércores o castigo aos integrantes do Pontevedra Club de Fútbol expulsados o pasado domingo no transcurso do partido de liga fronte ao Guijuelo en Pasarón.
A sanción máis dura recaeu sobre o segundo adestrador granate, Álex Otero, e que segundo a acta arbitral foi expulsado por "protestar as nosas decisións en ton de voz elevado, saíndo do banco e levantando os brazos en sinal de desconformidade".
Esa acción vaille custar a Otero dous encontros sen poder sentar no banco xunto a Yago Iglesias, ademais de "unha multa accesoria de 45 euros ao club e de 300 euros ao infractor", explica o Comité de Competición. Eses encontros en cuestión serán as dúas saídas consecutivas do equipo aos campos do Coruxo e o Zamora.
O que tampouco estará o vindeiro domingo no Vao, fronte ao Coruxo, será Samu Mayo, expulsado por dobre amoestación no último partido de liga e que deberá cumprir un encontro de suspensión como castigo, tal e como a confirmado o Xuíz Único de Competición.