Dúas medallas para o GD Supermercados Froiz no Campionato Galego de Fondo

Pontevedra
18 de xuño 2016

Sergio Míguez foi segundo na categoría elite e Alejandro Lomba, terceiro en sub-23 e na clasificación xeral. Samuel Blanco (Club Ciclista Rías Baixas) foi o vencedor absoluto e Sub-23, mentres Vicente Alló (Código Atlántico) impúxose en Elite

Podium do Campionato Galego de Fondo de ciclismo celebrado na Estrada GD Supermercados Froiz

As camisolas de campións de Galicia en liña cambian de propietarios tanto en Elite como en Sub-23 despois da carreira celebrada este venres na Estrada. Samuel Blanco (Club Ciclista Rías Baixas) fíxose co triunfo na categoría Sub-23 tras alcanzar a liña da meta xunto ao seu compañeiro Javier García. Por detrás deles estableceuse unha gran vixilancia entre os elites da que Vicente Alló (Código Atlántico) foi o principal beneficiado chegando primeiro da súa categoría.

A carreira disputada sobre 120 quilómetros rexistrou un completo dominio dos ciclistas Sub-23, que coparon os 15 primeiros postos, sendo Vicente Alló (Código Atlántico) o primeiro Elite, no posto 16 da xeral, que lle valeu para conquistar o campionato na súa categoría.

Non houbo un momento de tregua desde o bandeirazo inicial. O medio centenar de corredores que se concentraron na liña de saída tiñan que completar seis voltas a un circuíto de 20 quilómetros deseñado polo Club Ciclista Estradense, entidade organizadora de evento. A metade da primeira volta seis unidades abandonaron a disciplina do pelotón e iniciaron unha escapada da que finalmente sairía o gañador da carreira.

Samuel Blanco e Javier García (Club Ciclista Rías Baixas), Alejandro Lomba e Diego Somoza (Supermercados Froiz), Raúl González (Club Ciclista Vigués) e Miguel Montero (Cambre Renault Caeiro) abriron oco, chegando a conseguir tres minutos de vantaxe. No ecuador do percorrido Montero cedeu e Somoza  comezou a pasar problemas, mentres por detrás formáronse varios grupos de perseguidores. Nun deles meteuse Alló xunto a máis sub-23 cando restaban 40 quilómetros para o final.

A vitoria na carreira estaba no grupo dianteiro, onde Blanco tentou marcharse en solitario. Antes de entrar na última volta, o Club Ciclista Rías Baixas sentenciou o triunfo ao conectar García con Blanco soltando de roda a Lomba, que acabaría terceiro, e aos outros dous fuxidos. Na liña de meta da Avenida de Galicia o dúo do conxunto do Val Miñor presentouse con algo máis de catro minutos e medio de vantaxe sobre o seu principal rival, o ciclista do Froiz, Alejandro Lomba.

Pola súa banda en elite, Alló conseguía o primeiro posto e no podio estivo escoltado por Sergio Míguez (Supermercados Froiz) e Aser Estévez (Club Ciclista Rías Baixas), que recibiron as súas distincións nun acto presidido por José López, alcalde da Estrada.

Consulta aquí a clasificación completa do Campionato Galego de Fondo.