Martín Bouzas, do Froiz, proclámase campión de España contrarreloxo Sub-23

Pontevedra
23 de xuño 2016

O ciclista galego impúxose en Alacante por só 19 centésimas nunha crono de 18,9 quilómetros celebrada na localidade alacantina de Ibi

Martín Bouzas (centro) no podio do Campionato de España Contrarreloxo
Martín Bouzas (centro) no podio do Campionato de España Contrarreloxo / Federación Galega de Ciclismo

Por só 19 centésimas e con 4 segundos de renda sobre o terceiro e 5 sobre o cuarto. Con esa escasa marxe Martín Bouzas conseguiu impoñerse nunha emocionante contrarreloxo Sub-23 dos Campionatos de España de Ciclismo na Estrada que se están disputando na localidade alacantina de Ibi.

O ciclista galego do Froiz, no seu primeiro ano na categoría, levou contra prognóstico o título de campión nacional, que a pasada campaña conseguira en idade junior.

Foron 18,9 quilómetros dunha crono que "se planteaba como bastante fácil y llana pero resultó ser bastante dura", asegurou o flamante campión á Federación Española de ciclismo.

O Campionato de España era o principal obxectivo da tempada para Martín Bouzas, que recoñeceu chegar "bastante bien de forma".

Segundo e medalla de prata foi o madrileño Gonzalo Serrano, que completou o último quilómetro cunha picada na roda, mentres terceiro foi o manchego Óscar González.