Martín Bouzas e Guillermo García, nomes destacados do Campionato Galego Contrarreloxo

Pontevedra
18 de maio 2017

O pontevedrés Guillermo García fíxose co título autonómico en categoría junior, mentres Bouzas, ciclista do Froiz, proclamouse campión en idade sub-23

Guillermo García no alto do podio do Campionato Galego Contrarreloxo
Guillermo García no alto do podio do Campionato Galego Contrarreloxo / PontevedraViva

O ciclista pontevedrés Guillermo García Janeiro segue queimando etapas a gran velocidade e este mércores 17 de maio foi un dos grandes protagonistas do Campionato Galego Contrarreloxo dispuatdo na localidade ourensá de Baños de Molgas.

García, corredor actualmente nas filas do Bathco e que está situado en oitavo lugar do ránking nacional da súa categoría, proclamouse campión en idade junior cun tempo de 18 minutos e 44 segundos, con 6 segundos de vantaxe sobre o segundo clasificado, Abel Franco.

Tamén asinou unha notable actuación o actual campión de España sub-23, Martín Bouzas, e é que o ciclista do Froiz impúxose na súa categoría e foi terceiro na absoluta cun tempo de 17 minutos e 54 segundos, a 43 segundos do vencedor elite, Aser Estévez (Aluminios Cortizo).

Pola súa banda en idade cadete revalidou o seu título autonómico a marinense Carla Fernández (Marín-Ottoman).

O Campionato Galego disputouse nun percorrido de 11,4 quilómetros no que a característica proncipal era o seu perfil en constante ascensión.

Consulta aquí as clasificacións completas do Campionato Galego de Ciclismo Contrarreloxo.