Martín Lestido prolonga o seu bo momento cun terceiro posto na Vuelta a Alicante

Pontevedra
29 de maio 2017

A clasificación xeral da rolda alacantina decidiuse polo cómputo de postos das dúas xornadas ao estar catro ciclistas co mesmo tempo

Martín Lestido (esquerda) no podio da Vuelta a Alicante
Martín Lestido (esquerda) no podio da Vuelta a Alicante / Vuelta Ciclista a la provincia de Alicante 2017

Segue en gran estado de forma Martín Lestido, tal e como demostrou o ciclista do Grupo Deportivo Supermercados Froiz na Vuelta a Alicante.

Se hai unha semana impúxose na Volta a Coruña, Lestido volveu pisar o podio o Alacante, aínda que nesta ocasión no terceiro chanzo.

Foi unha carreira de dúas etapas caracterizadas pola dureza e o vento nalgunhas fases, e que se decidiu pola suma de postos entre os catro primeiros clasificados, empatados a tempo na clasificación xeral.

Martín Lestido foi terceiro no sprint da primeira etapa, na que gañou o colombiano Johnatan Cañaveral (Gsport Valencia), ao cabo vencedor tamén da Vuelta. Xa na segunda e última etapa o corredor do Froiz entrou en meta na décima posición, nunha xornada na que Francisco García (Gsport Valencia) chegou a meta con só 8 segundos de vantaxe sobre o grupo principal.

Segundo na xeral foi Carlos Cobo (Caja Rural), mentres o Froiz finalizou tamén na terceira posición da clasificación por equipos.