Pontevedra pon en xogo o Campionato Galego de Ciclismo Elite e Sub-23

Pontevedra
31 de maio 2017

A cidade de Lérez será, o vindeiro domingo 4 de xuño, punto de saída e final do Campionato Galego de Ciclismo, proba que estará aberta á participación de equipos do resto de España e Portugal

Saída da última etapa da Volta a Galicia 2015 desde Pontevedra
Saída da última etapa da Volta a Galicia 2015 desde Pontevedra / Diego Torrado

Os novos campións de Galicia de ciclismo elite e sub-23 se coronorán na Praza de España de Pontevedra. Ese será o punto de partida e tamén a liña de meta do Campionato Galego de Ciclismo en estrada que se disputará o vindeiro domingo 4 de xuño.

O pelotón, aberto á participación de equipos do resto de España e Portugal, iniciará o seu percorrido ás 10:00 horas, fronte ao edificio do Concello, antes de afrontar 131 quilómetros con zonas esixentes para os ciclistas e que se prevén decisivas.

A caravana da proba iniciará a marcha polas estradas da comarca do Morrazo atravesando Marín, Bueu, Cangas, Moaña e Vilaboa antes de dirixirse cara a Arcade e buscar unha das súas fases máis esixentes por Souotmaior, Ponte Caldelas e Marcón.

A menos de 40 quilómetros de meta os corredores pasarán de novo Pontevedra e abandonarán a cidade de Lérez para afrontar o punto clave da xornada, xa que sairán cara a Poio para realizar a ascensión ao alto da Escusa, situado a só 23 quilómetros do final. Desde alí a carreira descenderá cara a Samieira para regresar cara á capital provincial pasando por Combarro e Poio e entrando na cidade pola Barca.

A chegada a meta, no horario máis rápido previsto pola organización, situaríase ao redor das 13:08 horas.