Non lle puideron ir mellor as cousas ao Súper Froiz no campionato galego de ciclismo que se disputou este domingo en Pontevedra. Pedro Merino e Martín Bouzas, dous dos corredores do equipo pontevedrés, proclamáronse campións autonómicos nas categorías elite e sub-23, respectivamente.
Ambos se impuxeron ao sprint nunha emocionante xornada deportiva na que participaron un total de 54 corredores.
Todos eles deberon percorrer os 131 quilómetros do percorrido fixado para este campionato galego, con saída e chegada na céntrica Praza de España de Pontevedra.
Pedro Merino superou no sprint final a Willem Jakobus Smit, o ciclista de orixe surafricana do club Rías Baixas. Ambos completaron a proba cun tempo de 3 horas, 13 minutos e 30 segundos, pero o deportista do Súper Froiz foi máis rápido nos metros finais e levou a vitoria final.
No podio da categoría elite acompañoulles Aser Estévez (Aluminios Cortizo), terceiro en meta a 23 segundos.
Pola súa banda, na categoría sub-23 Martín Bouzas impúxose tamén ao sprint ao seu compañeiro de equipo Alejandro Regueiro. Ambos chegaron xuntos, parando o crono nas 3 horas, 14 minutos e 36 segundos. Os dous quedaron entre os dez primeiros da clasificación xeral. Terceiro foi Cristian Mota (Aldro), a doce segundos do gañador.