Dúas novas medallas para Bea Gómez Cortés, prata e bronce, no Nacional de Inverno

Pontevedra
30 de novembro 2013

A nadadora pontevedresa cólgase a prata nos 400 estilos e o bronce nos 400 libres, proba na que a súa compañeira de club, Iria García, finalizou en vixésimo primeiro lugar

Bea Gómez posa coas tres medallas conseguidas no Campionato de España Open de Natación
Bea Gómez posa coas tres medallas conseguidas no Campionato de España Open de Natación / Manuel Quiroga

Bea Gómez Cortés colgouse dúas novas medallas no Campionato de España de Inverno, que se disputa estes días en Castellón.

A nadadora pontevedra só foi superada por Mireia Belmonte (4.30.01) nuns 400 metros estilos nos que bateu ademais o récord galego (4.35.91) para finalizar segunda e sumar a súa segunda medalla de prata, repetindo o resultado dos 200 libres do venres. Completou o podio a riveirense Maria Vilas (4.36.34).

Bea redondeou a xornada cunha medalla de bronce nos 400 libres (4.04.92) coándose no podio xunto á propia Mireia Belmonte (3.58.45) e Melanie Costa (4.02.23), dúas deportistas que esta tempada sumaron 41 medallas entre ambas na Copa do Mundo.

Na mesma proba, os 400 libres, a tamén nadadora do Galaico, Iria García, finalizou no vixésimo primeiro lugar cunha marca de 4.23.67.

Para finalizar a competición este domingo, na terceira e última xornada do Nacional de Piscina Curta, Bea Gómez disputará aínda dúas probas, os 100 libres e os 200 estilos, esta última xunto á súa compañeira de club Paula Goyanes, mentres Iria García tomará a saída nos 800 libres.