O Pontevedra Club de Fútbol quere seguir facéndose forte en Pasarón coa visita este sábado 15 de novembro (16.15 horas) do Mérida, equipo co que está empatado a puntos na clasificación.
Un duelo para o que Rubén Domínguez contará coa ausencia por sanción de Miki Bosch, ao que se suman "un par de dúbidas", confirmou o técnico desde a sala de prensa do Estadio Municipal.
En todo caso, sen falar de nomes concretos, o preparador avanza que "van ir convocados e en función da evolución veremos se entran ao campo".
Un terreo de xogo que ante a intensa choiva caída durante a semana pode afectar tamén ao desenvolvemento do choque. "Veremos como aguanta, como drena e a auga que caerá para ver como podemos xogar e como queda para o futuro", afirmou Rubén.
O entrendor dos da Boa Vila quere que o seu equipo siga a ser forte ante a súa afección, e é que aínda que "os puntos valen o mesmo en Pasarón que fóra a nós fainos ilusión gañar na casa, ante a nosa xente. Sentir que a nosa casa é un fortín, que non se van puntos. De feito só o líder logrou dobregarnos", defendeu.
No que respecta ao rival "estamos a pillar a equipos que veñen con moitas portarías a cero ou con goleadas, e o Mérida é un moi bo equipo de fútbol, con bos xogadores, con certo desequilibrio por fóra. Teñen ao máximo goleador da categoría e son un equipo que se estabilizou a nivel defensivo", analizou Domínguez.
Referíase o preparador ao dianteiro Álvaro García 'Varo', que acumula esta tempada 7 goles en liga.
Será un novo duelo en sábado, unha circunstancia que non pasa desapercibida para o plantel pontevedrés e que "amola máis pola xente que por nós, porque ao final a xente é de domingo á tarde e si que é
o máis cómodo para todos. A nós, como é de sábado en sábado, ao final a semana tampouco nos cambia tanto, son seis días de traballo máis partido".