Duelo de espada a cegas, a idea da Escola Hungaresa para adaptar a esgrima a persoas con discapacidade visual

Pontevedra
20 de xaneiro 2020

O club pontevedrés organizou esta fin de semana unha xornada destinada á promoción desta modalidade entre técnicos, árbitros e persoas cegas

A Escola Hungaresa organiza unha xornada de esgrima a cegas
A Escola Hungaresa organiza unha xornada de esgrima a cegas / Escola Hungaresa

A Escola Hungaresa organizou o pasado sábado en Pontevedra unha xornada de esgrima a cegas, impartida polo mestre Adrián Cubela, na que participaron árbitros, oito técnicos de catro clubs galegos, dúas profesoras de Educación Secundaria que imparten clase a alumnos con discapacidade visual e sete persoas cegas procedentes de diferentes recunchos da comunidade autónoma.

O obxectivo desta xornada era o de formar a adestradores e xuíces nesta disciplina, así como contribuír á promoción desta modalidade entre os diferentes clubs. Dar a oportunidade a persoas con problemas de visión de experimentar por primeira vez a sensación de empuñar unha espada, aprender a súa técnica e baterse en dono cos seus compañeiros é tamén una das metas deste programa.

O mestre Adrián Cubela e o tirador Kiko Mosteiro, pioneiros na práctica de esgrima a cegas no país, participarán o próximo mes nunha concentración e torneo internacional de esgrima a cegas en Francia, á que acoden máis de 40 tiradores e técnicos de catro países europeos.

Desde o ano 2012, o club pontevedrés desenvolveu esta modalidade en colaboración coa ONCE para impartir clases a nenos e adultos con discapacidade visual de toda España en campamentos de verán e en xornadas de inclusión deportiva.