Duro correctivo do Huesca (34-23) a un Condes de Albarei Teucro a remolque, que se afunde ao final

Pontevedra
14 de outubro 2017

Estivo moi lonxe o Condes de Albarei de ser o equipo compacto e serio de anteriores partido. Fronte ao Huesca foi a remolque desde o comezo do partido para renderse a partir do minuto 40 de xogo e terminar encaixando unha avultada derrota

Partido entre Teucro e Bada Huesca no Municipal
Partido entre Teucro e Bada Huesca no Municipal / Diego Torrado

Estivo moi lonxe o Condes de Albarei de ser o equipo compacto e serio de anteriores partido. Fronte ao Huesca foi a remolque desde o comezo do partido para renderse a partir do minuto 40 de xogo e terminar encaixando unha avultada derrota.

Os locais comezaron mandando e marcando unha renda de tres goles con rapidez, que aos poucos foron subindo fronte a un Teucro atrancado en ataque e sen conseguir axustar a súa defensa.

Quique Domínguez viuse obrigado a solicitar dous tempos mortos en pouco máis de once minutos, pero nin iso serviu para arranxar os problemas dos seus, que vían como a desvantaxe crecía ata o 9-3.

A partir dese momento o Teucro fixo a goma en varias ocasións, chegando a poñerse a só dous goles de diferenza cun parcial de 1-5 e Yoán Balázquez exhibindo o seu potente lanzamento (11 goles logrou en total).

Borja Méndez apertaba máis as cousas ata un mínimo 12-11, pero o Bada Huesca reaccionou e logrou un parcial de 6-1 que deixaba en 18-12 as cousas ao descanso.

O regreso de vestiarios serviu para que o Teucro volvese achegarse minimamente, chegando a poñerse a catro goles (23-19). Sería o canto do cisne para os galegos, que se afundiron nos últimos 20 minutos, vendo como Huesca afastábase cada vez máis ata redondear ese avultado 34-23 final.

BADA HUESCA (34): Gómez Lite; Oier (6), Henrique Teixeira (3), Félez (5), Marcelo (2), Carmona (7), Carró (4) -sete inicial-, Arguillas (p.s.); Abadía, Val, Adriá Pérez (2), Dijá, Marco Mira, Miguel Malo, Zungri (4) e Bonanno (1).

CONDES DE ALBAREI TEUCRO (23): Santana; Borja Méndez (3), Carlos Gehrhardt (1), Colasuonno (1), Rial, Bruno Teixeira, Edu Moledo -sete inicial-, García Lloria (p.s.); Moyano (1), Yoán Balázquez (11), Quintas (1), Iván Fernández, Carlos García (3), Dani Hernández (2), Iglesias e Altirriba.

Árbitros: Enric Escoda Pérez e Roland Sánchez Bordetas (Cataluña). Excluíron dous minutos aos locais Oier e  Miguel Malo, descualificando con vermella directa a Adriá Pérez (35'), e a Edu Moledo, Colasuonno, Bruno Teixeira, Balázquez e Altirriba, no Teucro.

Marcador (cada cinco minutos): 4-1, 8-3, 9-4, 10-8, 14-11, 18-12 (descanso), 20-16, 23-18, 26-19, 28-21, 31-23 e 34-23 (final).

Incidencias: Palacio dos Deportes (Huesca) Uns 700 espectadores.