Eder Díez e Fernando Lezcano, dúas novas baixas no Pontevedra

Pontevedra
04 de xullo 2018

Segue o goteo de baixas en Pontevedra e, como nos casos anteriores, son os propios xogadores ou os clubs de destino os que confirman estas saídas. O último caso foi o de Eder Díez. Ademais, segundo puido saber PontevedraViva, o canteirán Fernando Lezcano tampouco seguirá no club

Éder Díez na acción que supuxo o 0-2 en Navalcarnero Mosrey Fotografía

Segue o goteo de baixas en Pontevedra e, como nos casos anteriores, son os propios xogadores ou os clubs de destino os que confirman estas saídas. O último caso foi o de Eder Díez, que anunciou a través do seu perfil en Instagram a súa marcha do club granate.

O dianteiro, que chegara no pasado mercado de inverno, chegou mesmo a aceptar a proposta de renovación "á baixa" presentada polo Pontevedra, pero cando tomou a decisión o club comunicoulle que "ya era tarde", segundo explicou o propio xogador.

"Feliz de ser granate e moi triste por ter que dicir adeus desta maneira", explicou Eder na súa mensaxe de despedida. "Grazas por darme a oportunidade de volver a España e demostrar con números e goles o que son", engadiu.

O xogador, que anotou seis goles durante a súa etapa granate, recoñece que "a miña intención non era esta", pero asegura que "o fútbol non acaba aquí" e que se marcha coa "cabeza alta", xa que está convencido que "outra porta ábrese" e que, nun futuro, "verémonos no campo".

LEZCANO TAMÉN MARCHA

Ademais, segundo puido saber PontevedraViva, o canteirán Fernando Lezcano tampouco seguirá no club a próxima tempada.

Os responsables deportivos do Pontevedra comunicáronlle que non contan con el, ao ter a tres homes no plantel no seu posto de dianteiro, polo que as súas opcións de xogar serían mínimas.

O club comprometeuse a concederlle a baixa federativa para que poida fichar por outro equipo.