Edu Moledo, baixa sensible para o Teucro na Copa do Rei

Pontevedra
27 de setembro 2016

O extremo sofre unha luxación no dedo gordo da súa man esquerda e perderase con toda probabilidade o encontro do próximo sábado na cancha do Amenabar Zarautz, correspondente á primeira eliminatoria da Copa do Rei

Edu Moledo durante o partido entre Teucro e Covadonga
Edu Moledo durante o partido entre Teucro e Covadonga / Diego Torrado

A derrota do Teucro o pasado sábado en Carabanchel non foi a única mala noticia para o equipo azul en terras madrileñas, xa que perde con total seguridade a Edu Moledo para o seu próximo partido.

No minuto 7 de partido o extremo tívose que retirar da pista por lesión, despois de sufrir un golpe na súa man esquerda.

Xa en Pontevedra e tras realizarlle probas, diagnosticóuselle unha luxación, aínda que ata que baixe a inflamación non se poderá coñecer o grao exacto de afectación no ligamento, e por tanto o seu período de baixa.

O que si se descartou é que sufra unha rotura, polo que polo momento só perde o choque de Copa do Rei do próximo sábado no País Vasco, na pista do Amenabar Zarautz.

"Doe non poder axudar ao equipo nos próximos partidos por unha acción que o defensor se podía aforrar pero agora o único que importa é traballar para recuperarme da mellor maneira e canto antes", explicou Moledo, que se une a José Manuel Rial na lista de baixas teucristas por lesión.