A próxima xornada de liga medirá ao líder da categoría co pechacancelas, Pontevedra Club de Fútbol e Arandina CF. Ata 39 puntos sepáranos na clasificación e é que os de Aranda de Duero están a un paso do descenso con 21 puntos, a 11 do play-out, pero non quere mirar á clasificación o conxunto granate.
Edu Sousa puxo voz este mércores en rolda de prensa ao sentir do plantel pontevedrés antes de viaxar ao campo da Arandina, e é que "creo que é unha saída complicada", asegura o gardameta.
"Non polo seu estado na táboa, senón porque teño recordo de que a Arandina é un equipo moi forte no físico", analiza engadindo que "ten a súa última bóla neste partido" e xogan na casa, onde rascaron puntos por exemplo fronte aos dous principais rivais en de o Pontevedra polo ascenso, con senllos empates ante Ourense CF e Zamora.
Será o último desprazamento longo da tempada para os de Pasarón, xa que despois só quedarán saídas para medirse ao Compostela e ao RC Deportivo Fabril, un aspecto que "o corpo vai agradecer", afirma Edu Sousa, nas semanas decisivas do campionato.
Ademais a proximidade fai pensar en que "vai haber bastante xente de Pontevedra" neses encontros. Polo menos desde o plantel pontevedrés "contamos con eles", asegurou o porteiro granate aludindo á afección.