A eliminatoria de Copa do Rei contra o Pontevedra, unha cita para a historia na UD Ourense

Pontevedra
22 de outubro 2025

O club da Cidade das Burgas, fundado no ano 2014 como herdeiro do desaparecido CD Ourense, debutará na Copa fronte ao cadro granate, ante o que se medirá por primeira vez en partido oficial

Rufo, coa bufanda conmemorativa do partido entre UD Ourense e Pontevedra
Rufo, coa bufanda conmemorativa do partido entre UD Ourense e Pontevedra / UD Ourense

O extinto Club Deportivo Ourense, desaparecido no ano 2014, é o segundo equipo ante o que máis veces se enfrontou na súa historia o Pontevedra Club de Fútbol entre liga e Copa do Rei.

En total ambos os dous clubs viron as caras en competición oficial en 54 ocasións, e só o Racing de Ferrol (58) supera esa estatística.

Por iso o duelo de primeira rolda de Copa do Rei que o vindeiro mércores 29 de outubro (20.30 horas) no Estadio do Couto fronte á UD Ourense será especial, aínda que sobre todo o será para o conxunto da Cidade das Burgas.

Fundado nese fatídico 2014, a Unión Deportiva Ourense naceu como homenaxe ao desaparecido CD Ourense, queimando etapas e logrando ascensos até chegar esta tempada a Segunda RFEF.

Por iso será a primeira vez que vexa as caras en competición nacional co primeiro equipo do Pontevedra Club de Fútbol (mediuse ao seu filial), ao non ter coincidido na mesma categoría.

Esa eliminatoria vivirase pola súa banda e por dobre motivo de maneira intensa en Ourense, e é que ademais de estrear os seus duelos ante un histórico do fútbol galego como son os granates será o seu debut nunha fase final da Copa do Rei.

Esa ilusión que desprende a UD Ourense co choque demóstrase en detalles como a bufanda conmemorativa que veñen de presentar, que se puxo á venda por 10 euros nas súas oficinas e que tamén estará dispoñible o día do choque.

Unha bufanda que foi presentada, entre outros, por un símbolo dos últimos anos en Pasarón como o dianteiro Rufo, agora nas filas da UD.

No equipo ourensán tamén militan outros expontevedreses como Manu Vizoso, Pol Bueso e o seu canteirán Valentín Jaichenco.

Ingredientes que adornan a eliminartoria, como a posibilidade de que se desprace tamén representación da Marea Granate, tanto no autobús organizado polo club para os seus afeccionados como de maneira particular.