A emoción da Copa de España de ciclocrós regresa a Marín

Marín
09 de outubro 2025

O Ciclocrós Internacional XaxanCX 2025, segunda cita puntuable da Copa de España, celebrarase este domingo 12 de outubro

Presentación do Ciclocrós Internacional XaxanCX 2025 Concello de Marín

Todo preparado para que a Copa de España de Ciclocrós aterre este domingo 12 de outubro en Marín.

Farao cunha nova edición do Ciclocrós Internacional XaxanCX organizado polo XSM Clube Ciclista e que este mércores foi presentado de maneira oficial.

Evento internacional da categoría C2, repite dentro do calendario da Copa de España como a súa segunda cita puntuable.

O circuíto de Chan de Gagán, con 2.600 metros de lonxitude, porá a proba os participantes con zonas técnicas e obstáculos como escaleiras ou bancos de area.

Serán preto de 350 os ciclistas que tomarán a saída entre as diferentes categorías.

A competición arrancará ás 10.00 horas coas probas para cadetes. Ás 11.00 será a quenda da carreira júnior masculina, ás 12.30 da júnior feminina, ás 13.30 da elite e sub23 feminina e por último ás 14.45 chegará a quenda da elite e sub23 masculino.

Por último en horario de tarde disputaranse as categorías máster.

Entre os inscritos destaca a ausencia do líder da Copa de España masculina, Kevin Suárez, para poder competir no Mundial de gravel, pero si estarán presentes o resto de especialistas do panorama nacional.