O Poio Pescamar acariñou a vitoria en terras murcianas, pero un tanto de Bárbara a falta de dez segundos para o final estableceu o 2-2 co que concluíu o enfrontamento. O conxunto vermello marchou ao descanso cun sólido 0-2 tras impor o seu dominio na primeira metade, pero o STV Roldán reaccionou no segundo tempo, recortou distancias e logrou o empate no último suspiro cun tanto sobre a bucina que deixou as visitantes cun amargo sabor.
O primeiro acto tivo como claro dono ao equipo dirixido por Luís López-Tulla, que asinou uns brillantes 20 minutos onde logrou impor o seu xogo con autoridade. As conserveiras saíron con intensidade, dominando o balón e xerando as mellores ocasións, aínda que a falta de acerto e as intervencións da porteira local evitaron que o marcador se abrise antes.
O primeiro aviso chegou moi pronto. Era o minuto 2, cando Martita aproveitou un erro de Cristina na saída. A xogadora do Poio tentou sorprendela desde campo propio, pero o seu disparo deu nas costas da porteira cando estaba reculando para tapar a portaría. Débora Lavrador e Carolina Bravo probaron fortuna pouco despois, pero volveron toparse coa porteira murciana.
No minuto 14 chegou a recompensa ao dominio vermello. Rafa Pato manobrou pola esquerda para marchar de Maite Meteo e serviu para Ale de Paz, que cruzou o disparo para facer o 0-1. Sen apenas tempo para asimilalo, un rexeite tras un forte tiro de Martita permitiu a Rafa Pato asinar o 0-2 un minuto despois.
O Roldán tentou recortar distancias cun pase da morte de Maite a María Valverde, pero non chegou por centímetros.
Nos instantes finais, Luís López-Tulla pediu tempo morto para xestionar o tempo da mellor maneira e evitar cometer unha quinta falta. Con todo, a pesar da súa intención de frear o ritmo, sucedeu todo o contrario. O partido entrou no seu momento máis frenético con Ale de Paz estando a piques de facer o 0-3 cun toque sutil á saída de Cristina que deu na madeira e con Elena respondendo á réplica do Roldán atrapando en dous tempos.
Tras o descanso, o conxunto murciano saíu decidido a recortar distancias. Bárbara foi a máis activa, xerando perigo cunha internada que Elena desviou a córner. Aínda así, o conxunto conserveiro resistiu con orde e mesmo dispuxo de ocasións coas que ampliar a renda, todas elas sen éxito.
A insistencia local tivo premio no 31, cando o equipo conserveiro menos merecía o castigo. Bárbara recibiu un envío longo desde o seu propio campo, controlou e bateu a Elena cun disparo cruzado axustado ao pau, situando o 1-2 e abrindo un novo escenario no encontro.
O Poio Pescamar tratou de reaccionar ao instante, tentando recuperar o control por medio de Carolina Pedreira e Carolina Bravo, que rozou o 1-3 no 35 cun potente disparo que se estrelou na parte interna do poste e paseouse pola liña de gol.
Os minutos finais foron de máxima tensión. O Poio defendeu con personalidade, contemporizando a posesión e evitando riscos, mentres o Roldán apostaba pola presión alta e o ataque con cinco xogadoras.
A minuto e medio do final, o técnico local pediu tempo morto e o seu equipo atopou a recompensa a falta de dez segundos. Un centro-chute de María Valverde sorprendeu a Elena, que non logrou blocar, e Laura Fernández aproveitou o rexeite na área para marcar o 2-2 sobre a bucina e rescatar un punto para o Roldán.
Consulta a acta neste enlace