Un empate máis para o Pontevedra nun espeso partido contra Unionistas en Pasarón

Pontevedra
08 de marzo 2026
Actualizado: 09 de marzo

Quinta xornada sen gañar para o Pontevedra, que non pasou do empate (0-0) nun partido sen ritmo e falto de ocasións. O conxunto granate segue terceiro unha semana máis grazas ao resto de resultados

Partido entre o Pontevedra CF y Unionistas en Pasarón
Partido entre o Pontevedra CF y Unionistas en Pasarón / Cristina Saiz

A seca goleadora mantense unha semana máis no conxunto granate, que non puido pasar do empate sen goles nun encontro espeso e sen apenas ocasións para ambos os dous. Os de Rubén Domínguez terminaron o encontro cun máis pola dobre amoestación de Farru no 81, pero non xeraron o suficiente para sumar o tres puntos

O once inicial do Pontevedra deixou a destacada ausencia de Compa, que perdeu o partido por sanción do mesmo xeito que Alberto Gil. Marqueta partiu en portaría e a defensa foi para Miki, Montoro e Álvaro Pérez, que tiveron a Miguel Cuesta no carril izquiedo e a Vidorreta no dereito. Na medular estiveron Yelko e Rubén López acompañados por Diego Gómez e Joao máis botados a bandas e Alain como referencia na punta de ataque.

Avisou pronto o conxunto charro nunha mala acción defensiva do Pontevedra. Álvaro Pérez e Rubén non se entenderon á hora de despexar un balón na área e Serpeta, moi atento, obrigou a Marqueta a deter o coiro cunha boa estirada.

Apenas un minuto despois volveu inquietar Unionistas noutra imprecisión da zaga granate que a piques estivo de supor o primeiro gol da tarde. Arrincou dubitativo o equipo de Rubén Domínguez.

Aos poucos sentiu máis comodo o cadro lerezano, que ameazou a portaría de Salvi por primeira vez no minuto 8 cun remate de cabeza de Alain a centro de Vidorreta.

Transcorreu o primeiro tempo de forma estéril no Municipal de Pasarón até o minuto 24, momento no que Diego Gómez vió a súa quinta amoestación que lle impedirá estar dispoñible na próxima xornada contra o Arenas.

A defensa do equipo de Mario Simón tívoas cun Alain que foi constantemente buscado a través de balóns longos. Diego Gómez, que tamén tratou de desequilibrar por banda dereita, provocou a primeira amoestación para Unionistas por unha derriba de Farru no minuto 39.

Conforme se achegou o descanso cargouse de amoestacións o equipo albinegro, que tivo que aumentar a intensidade defensiva en fronte dun Pontevedra que tivo cada vez máis protagonismo. Yelko encargouse de golpear unha destas faltas ao bordo do descanso desde o vértice da área, pero o seu golpeo marchou moi desviado. Con táboas no marcador chegou o partido ao ecuador tras 45 minutos sen moita historia.

Non cambiou o guión no primeiro tramo do segundo tempo. Dúas incursións illadas de Vidorreta polo flanco dereito foron as únicas aproximacións con perigo do Pontevedra á área dun Unionistas que tampouco inquietou a portaría de Marqueta.

Moveu o banco e modificou o esquema Rubén Domínguez no minuto 62 para tratar de darlle un cambio ao partido. Garay entrou por Rubén López e Vidorreta, que estaba no carril dereito, deixou o seu sitio ao xogador arxentino para situarse no centro do campo.

Só unha xenialidade de Joao Resende na banda esquerda logrou descolocar o suficiente á defensa de Unionistas como para probar á meta visitante. O portugués combinou con Miguel Cuesta, que recibiu no bordo da área e deu continuidade á xogada abrindo para Garay. O arxentino recibiu na área e, sen pensalo demasiado, probou cun lanzamento cruzado que Salvi detivo sen complicacións.

O técnico do conxunto granate moveu as pezas de novo a pouco máis de quince minutos para o final e meteu a Brais Abelenda no sitio de Joao.

O partido entrou na recta final sen que pasase nada nos 80 minutos previos e, como habitualmente ocorre en Pasarón, comezou a pasar todo. En primeiro lugar, Manuel García mostroulle a segunda cartolina amarela a Farru por un agarrón a Alain sinalado polo asistente. Mario Simón, que non estaba de acordo coa expulsión, pediu a revisión no FVS.

O colexiado estremeño, tras unha longa e tendida revisión no monitor, decidiu manter a súa decisión e deixar o conxunto charro cun xogador menos para o tramo final. Con esta interrupción perdéronse un total de catro minutos desde que se parou o xogo.

Con todo e a pesar da superioridade numérica, foi Unionistas quen tivo a máis clara do partido nun centro rematado por Artola que Marqueta detivo sobre a liña de gol. Tras a xogada, o técnico visitante volveu pedir o FVS por un posible penalti. Manuel García non rectificou e a pena máxima non se sinalou.

Os granates trataron de atopar o gol da vitoria no desconto, pero un centro de Garay que non atopou rematador foi practicamente a única oportunidade dun Pontevedra que non puido pasar do empate sen goles nun espeso encontro en Pasarón.

Este 0-0 supón a quinta xornada consecutiva sen gañar para o conxunto lerezano. Con todo, o resto resultados da xornada permiten aos de Rubén Domínguez durmir unha fin de semana máis na terceira posición e, por tanto, en postos de playoff. O Pontevedra visitará o Arenas de Getxo na próxima xornada de liga.

PONTEVEDRA C.F. (0): Marqueta, Miki Bosch (Luisao, min. 87), Álvaro Pérez, Alain Ribeiro, Yelko, Miguel Cuesta, Joao Resende (Brais Abelenda, min 73), Vidorreta, Rubén López (Garay, min. 62), Diego Gómez e Montoro.

UNIONISTAS C.F. (0): Salvi,Gorjón, Farru, Juanje, Serpeta (Xota, min. 69), Álvaro Gómez, Chibozo (Artola, min. 46), Murria, Padra (De Bustos, min. 79), Aarón (Olmedo, min. 79) e Masllorens (Ramiro, min. 86).

Árbitro: Manuel García (Estremadura), auxiliado nas bandas por Daniel J. Prat e Iván Gago, con Ramón Collado como cuarto colexiado. Amoestou a Diego Gómez (24´), Miki Bosch (58´), por parte do Pontevedra e a Farru (39´) (81´), Álvaro Gómez (42´), Murría (44´), Serpeta (61´), Artola (81´) e Xota (97´) por parte de Unionistas.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 27 do grupo I de Primeira RFEF disputado no Municipal de Pasarón diante de 3.157 espectadores. O grupo de animación Siareiros Granates despregou en Fondo Norte unha pancarta conmemorativa polo 8M coas figuras de Señora Lola e Ángela, traballadora dunha das cantinas de Pasarón.