O Pontevedra non pasou do empate sen goles fronte a Unionistas na xornada 27 de Primeira RFEF. Rubén Domínguez admitiu que houbo "moi pouco ritmo de xogo" e que "na área rival houbo poucas ocasións de gol, pero as que hai, hai que castigar".
A pesar de que esta é a quinta xornada consecutiva sen gañar, o técnico ourensán quixo destacar que "todos queremos ir de vitoria en vitoria, pero de 27 partidos sumamos en 22". Domínguez engadiu que "temos que seguir nesa dinámica de porterías a cero e crecer".
O adestrador do Pontevedra acordouse en rolda de prensa do estado do céspede de Pasarón, que unha vez máis condicionou o xogo de ambos os dous equipos: "E o campo que temos e témolo que ver como unha fortaleza". Para Rubén, o lado positivo de xogar como local está no apoio da xente: "Como nos empuxaron, como nos axudaron. Incluso nun partido difícil de ver".
Xogou cun máis o conxunto granate os últimos minutos de partido. A pesar diso, o resultado non se moveu. O adestrador do Pontevedra explicou que eles "xogaron moi ben a que non pasase nada e nesas que pasaba algo pois era moi difícil atacalos porque se metían en bloque baixo".
Unha vez máis, o ourensán insistiu na dificultade de sumar de tres nesta liga e explicou que "os outros tres postos ímonolos a xogar dez equipos e eses dez equipos son enfrontamentos directos, isto era un rival directo". E é que Unionistas leva 17 puntos de 24 nesta segunda volta.
A competición entra de cheo no tramo final e Rubén Domínguez non deixou de animar á afección para engancharse ao equipo a pesar de pasar por un momento baixo de forma: "Agora mesmo creo que é o momento de engancharse co Pontevedra polo obxectivo ou a ilusión tan bonita que temos entre mans que é volver ao fútbol profesional despois de 22 anos. Eu creo que o amor ao Pontevedra prevalece sobre o estilo ou tipo de partidos que se estean a dar".
E é que a pesar dos empates, o Pontevedra continúa unha semana máis terceiro por detras do Tenerife e Celta Fortuna. Rubén Domínguez afirmou que de 27 xornadas o equipo leva "13 ou 14 en playoff". Ademais, o técnico do cadro lerezano pensa que "estamos a un paso de estar preto das victorias porque o equipo se baleira cada día".
En relación á ausencia de Álex González, que a priori ía entrar en convocatoria, Domínguez explicou que tras o último adestramento non tivo a alta médica, pero que "o normal é que a semana que vén poida entrar".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.