O Pontevedra recibirá este domingo ao Unionistas no partido correspondente á xornada 27 de Primeira RFEF. O adestrador do conxunto granate, Rubén Domínguez, comezou a súa rolda de prensa previa ao encontro coa novidade de que Álex González, agás sorpresa, entrará en convocatoria tras varias semanas ausente.
Domínguez explicou que "Álex vai entrar en convocatoria, a priori. Aínda temos o adestramento de mañá, aínda hai que velo". En canto ás baixas, as principais ausencias de cara ao domingo son a de Alberto Gil, que cumpre o seu segundo partido de sanción, e Compa, que recibiu fronte ao Osasuna B o quinto cartón amarelo.
E é que o de Pontecesures é o único nove puro do equipo, polo que o técnico ourensán deberá enxeñalas para cubrir a posición: "Temos solucións dentro do plantel, mesmo na primeira volta, se vos acordades, tivemos esas fases con Alain, con Brais, ultimamente tamén está a participar Joao...".
A gran igualdade entre os equipos xa é unha realidade de cara á loita polo playoff. O adestrador do Pontevedrá explicou que "hai tres postos para dez equipos" e que agora "debemos de ser todos super estables". O ourensán deu valor ao feito de levar tantas xornadas terceiros e explicou que "non vai pasar que lle vaiamos a sacar nove puntos ao sexto, nin once, nin doce. Non vai pasar".
Ademais, o técnico do cadro lerezano fixo fincapé en que "os puntos valen igual contra o Osasuna B, como o outro día, que contra o Unionistas, que leva 16 puntos de 21" e sentenciou: "Non miremos rivais, miremos partidos".
E é que Unionistas é un equipo que "o seu obxectivo era salvarse dunha maneira sufrida e agora mesmo atópase na xornada 26 vindo a Pasarón coa opción de poder durmir en playoff".
O conxunto charro é un dos equipos máis en forma da segunda volta: "É un equipo que fai unha serie de automatismos moi concretos que son difíciles de contrarrestar e un equipo que vén á alza".
𝐄𝐍𝐓𝐑𝐀𝐃𝐀𝐒 | Xa á venda as entradas para o partido deste domingo ante @UnionistasCF ⚽️🏟️
— Pontevedra CF 🦴 (@PontevedraCFSAD) March 3, 2026
🔹 Online a través de https://t.co/jixC0ZjnJT ou nas oficinas de Pasarón
🔹 Nas billeteiras de Pasarón o día de partido dende as 15:00#PrimeraFederación | #VersusELearning pic.twitter.com/rn2dJTbsiR
O Pontevedra, doutra banda, suma unha vitoria nas últimas sete xornadas. A pesar diso, Rubén Domínguez explica: "Depende de como queiras ler as cousas. Tamén en 7 partidos puntuamos en 6, tamén en 7 partidos habemos só perdido 1, tamén nos últimos 20 só perdemos 2".
A importancia deste partido é clara para o Pontevedra, que non logrou gañar nas últimas catro xornadas. Para Rubén Domínguez, "o soño vai estar en Pasarón".
Quixo pór en valor o técnico ourensán os 41 puntos conseguidos até o momento, seis máis que o total de 35 en 38 xornadas na etapa anterior en Primeira RFEF. Sobre o ansiado playoff, Domínguez recalcou que "vai ser moi duro" pero que está convencido de que "o imos a loitar até o final".
Con todo, o técnico do Pontevedra tamén foi claro sobre as expectativas da afección: "Se queremos sentir que imos ter a comodidade de que imos ir terceiros ou segundos todo o ano e ímoslle a meter 10 puntos ao sexto, pois entón xa que se desilusionen porque non vai pasar".
En relación a isto, Rubén Domínguez quixo facer un chamamento á afección para notar o seu apoio en Pasarón: "Que confíen en nós, que nos apoien até o final e se eu sinto ao final do partido que non o demos todo, que nos asubíen o que queiran".
Para terminar o seu comparencencia, o técnico ourensán reafirmou que "queremos gañar en casa sobre todo pola nosa xente". "A moitas persoas do Pontevedra o Pontevedra alégralles ou lles fastidia o finde. Somos moi conscientes diso e somos moi responsables con iso, entón queremos facelos felices".
Finalizou Rubén Domínguez pedindo "tranquilidade e confianza" para o equipo. O encontro, este domingo 8 de marzo ás 16:00 no Municipal de Pasarón.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.