Un mes despois do peche da xanela invernal de fichaxes, o Pontevedra Club de Fútbol dá por finalizado o mercado de maneira oficial sen a contratación dun dianteiro.
Así o confirmou este mércores o coordinador da secretaría técnica granate, Jacobo Maestre, durante a presentación de Facu Ballardo.
A pesar de contar aínda con dispoñibilidade de fichas sénior, e tras explorar as opcións de futbolistas sen equipo, este último movemento marcado no seu momento como obxectivo polas rescisións de Dani Selma e Marcos Denia, non chegará a producirse.
"O tema de fichaxes, eu creo que se dá por pechado", asegurou Maestre a preguntas dos xornalistas.
É a primeira vez que se fala abertamente da decisión de non incorporar finalmente a un dianteiro centro, xa que xusto un mes atrás, o 4 de febreiro, a presidenta Lupe Murillo explicaba que esa opción se valoraría "nas próximas semanas".
"No seu día puidemos asinar a un dianteiro, pero a prioridade Rubén considerouna no mediocentro", revelou Jacobo Maestre.
Por ese motivo, insistiu en que "a non ser que haxa algo que poidamos mirar moi amodo e que poida achegar, en principio está todo pechado".
Desta forma o mercado invernal dáse por finalizado coas chegadas de Álvaro Pérez, Diego Gómez, Alberto Gil, Rubén López e un Facu Ballardo que xa debutou na última xornada ligueira en Pamplona.