Mario Simón analiza o Pontevedra: "É un equipo con moi bo pé que sabe o que fai"

deportes
06 de marzo 2026

O técnico de Unionistas, próximo rival do conxunto granate, analizou a visita do seu equipo a Pasarón e destacou a ausencia de Compa como "unha baixa importante" para o Pontevedra

Mario Simón, entrenador de Unionistas, en rolda de prensa
Mario Simón, entrenador de Unionistas, en rolda de prensa / Unionistas de Salamanca CF

A destacable tempada do Pontevedra no seu regreso a Primeira RFEF continúa a ser motivo de eloxios por parte de gran parte dos adestradores rivais. Mario Simón, técnico de Unionistas, catalogou a visita do domingo a Pasarón como "unha saída bastante complicada".

E é que a pesar de ser un recentemente ascendido, o conxunto granate é terceiro na táboa, algo rechamante para Mario Simón: "O Pontevedra é un recentemente ascendido, pero fixarvos a puntuación que fixo até estas datas. Encadeou moitas vitorias, moitas xornadas sen perder, que lle fixo situarse nunha zona máis que tranquila, de privilexio"

Simón explicou que a situación clasificatoria do conxunto granate "fainos ver que é un moi bo equipo, un equipo que ten para min moi bo pé, un equipo que sabe o que fai"

Para o técnico de Unionistas de Salamanca, unha das maiores virtudes do Pontevedra é a capacidade de variar a súa estrutura de xogo: "Alain Ribeiro xogou partidos de central e partidos de dianteiro, por tanto creo que iso dificúltanos un pouco a análise durante as semanas". "É un equipo que alterna situacións de ter bo pé por xogadores de moitísima calidade con xogadores de espazo", engadiu.

A ausencia de Compa por acumulación de cartóns non pasou desapercibida para o rival do cadro lerezano, que a considera "unha baixa importante para eles". Doutra banda, Simón encomiou as fichaxes de inverno ao cualificalos de "incorporacións de moito nivel".

Ao ser preguntado polo posible substituto de Compa, Mario Simón contempla a Joao e a Alain como recambios, aínda que ten en conta que Brais tamén xogou aí noutras ocasións: "Seguramente teña dúas situacións, a de Joao Rosende e a de Alain como dixen antes. Son xogadores diferentes".

En definitiva, Mario Simón pensa que "no banco temos suficientes recursos todos os equipos como para suplir as baixas con garantías", polo que "seguramente os substitutos que ten o Pontevedra e as alternativas que ten, como dixen antes, son moitas".

Outro dos temas que preocupan ao adestrador do conxunto charro é o estado do céspede de Pasarón. "Pode influír o estado do terreo de xogo. O último partido contra Lugo o campo estaba mal".

"Os últimos partidos que nós puidemos ver: Castilla, Lugo... O campo non estaba en boas condicións", engadiu Mario Simón.