En perigo varios eventos deportivos en Poio por un cambio de normativa de Portos de Galicia

Poio
19 de xuño 2018

A denegación do organismo autonómico á ocupación de parte do porto de Campelo para o seu tradicional tríatlon pon de manifesto unha situación, que segundo o  Concello, pode afectar a probas deportivas que están comprometidas desde principios de ano

Tríatlon Concello de Poio en Campelo en 2016
Tríatlon Concello de Poio en Campelo en 2016 / Diego Torrado

A denegación de Portos de Galicia ao permiso necesario para celebrar o tradicional Tríatlon de Campelo a finais do presente mes de xuño en parte dos terreos do porto revelou unha situación que compromete a celebración de varios dos eventos deportivos que tradicionalmente se organizan en Poio.

Así o denuncia o Concello tras a aprobación por parte do organismo autonómico dunha nova normativa na que se restrinxe en boa medida as actividades recreativas e deportivas que se poden realizar en terreos dos portos da súa titularidade.

Ante esta decisión a empresa organizadora do tríatlon, Lodeco, presentou o recurso pertinente, pero tamén foi denegado esgotando a vía administrativa e deixando aberta a única opción de acudir ao xulgado contencioso-administrativo.

Segundo o goberno local, a falta de recibir contestación por escrito, tamén se denegou o permisos para o Torneo de Fútbol 3x3 que organiza a ACDM Armadiña, mentres que se poñen en dúbida outros eventos clásicos como a Travesía a nado de Raxó, o Acuatlón Concello de Poio en  Combarro ou a Carreira Activa Combarro, así como o Campionato de España de Endurance que este ano se ía a celebrar en Raxó e que terá que se disputar nun lugar alternativo ou suspenderse chegado o caso.

O Concello de Poio, a través do Consello Municipal de Deportes, tomou a decisión de remitir unha comunicación a Portos de Galicia instando á modificación desta normativa "polo grave prexuízo que está a causar no desenvolvemento deportivo deste Concello", e que supón un problema para eventos deportivos que contaban con apoio comprometido desde principios de ano.