Esforzo sen premio do Leis na cancha do líder (3-0)

Pontevedra
20 de marzo 2017

Os pontevedreses realizaron un bo partido en Noia, en encontro aprazado de liga, pero non lograron un resultado positivo que lles axude a abandonar a penúltima posición da táboa clasificatoria

Partido entre Noia e Leis Leis Pontevedra FS

Bo partido sen premio do Leis Pontevedra na cancha do líder da Segunda División B de fútbol sala, o Noia (3-0).

O partido, aprazado no seu momento a petición do club local, arrincou con dominio do Noia e o Leis cun notable traballo defensivo buscando recuperar un balón para saír á contra.

Ambos os equipos gozaron de ocasións na primeira metade, pero especialmente Fiou e os paus frearon as acometidas do líder para chegar co empate inicial ao descanso.

Xa na segunda metade os de Manu Cossío non baixaron a intensidade e aos 25 minutos gozaron dunha boa oportunidade. Non acertaron na finalización e na seguinte acción o Noia rompía a igualdade nunha acción individual de Marci.

Pese ao tanto a igualdade continuou sendo máxima ata que o minuto 31, no único erro defensivo do Leis no partido, os locais facían o segundo tanto. Non se renderon os pontevedreses que gozaron de dúas claras ocasións e Cossío apostou polo xogo de cinco en busca da remontada, pero o que chegaría sería a sentenza nun roubo ao límite da falta que se converteu no terceiro tanto dos de Noia.

A derrota non permite ao Leis escapar da penúltima posición da táboa clasificatoria con 10 puntos.

DERROTAS DE LEIS E CIDADE NA SEGUNDA FEMININA

Tampouco foi boa a xornada na Segunda División Feminina, na que o Leis perdeu na cancha dun rival directo pola permanencia como o ADAE Simancas (5-2) mermado polas baixas de Lucía e Laura.

Este resultado fai que o Simancas adiante ao Leis, que agora é penúltimo do Grupo IV cos mesmo puntos, 17.

Tamén ocupa a penúltima posición, no seu caso no Grupo I, o Cidade de Pontevedra, que non é capaz de deixar atrás a súa mala serie ao perder a domicilio ante o Flavióbriga (3-0).