O Pavillón Municipal dos Deportes colgará o 'non hai billetes' para o partido internacional que disputará o vindeiro domingo 27 de xuño a Selección Española de Balonmán fronte a Croacia.
Non será en todo caso un cheo absoluto, e é que salvo autorización de última hora o aforo máximo no pavillón pontevedrés para esta cita será o mesmo que datas recentes nas últimas xornadas de liga para os equipos locais, é dicir, 535 espectadores.
Con esa cifra traballaron ata o de agora polo menos as federacións e os clubs, xa que a venda de localidades foi delegada nos dous equipos da cidade, Sociedad Deportiva Teucro e Club Cisne Balonmán.
En ambos os casos os clubs, que dispoñían de 365 entradas a repartir entre as dúas entidades, habilitaron senllos enlaces en liña para adquirir as entradas a un prezo xeral de 12 euros o pasado día 19, esgotando o papel dispoñible en apenas unhas horas.
O resto de localidades repártenllas a Federación Galega de Balonmán, Real Federación Española de Balonmán e Deputación de Pontevedra.
A cita, correspondente á xornada 3 da EHF Eurocup 2022, será a primeira das previstas para os Hispanos nas dúas concentracións de preparación para os Xogos Olímpicos que realizarán nas Rías Baixas.
Concretamente a Selección establecerá a súa base en Sanxenxo e adestrará no Municipal pontevedrés do o 22 ao 30 de xuño e do 4 e ao 10 de xullo.