Esixente exame en Barcelona para o Cisne

Pontevedra
10 de febreiro 2017

O club pontevedrés afronta unha complicada saída á cancha do Barcelona B coa intención de mellorar as súas prestacións a domicilio, o seu punto débil esta campaña, e meterse de novo na zona de play-off de ascenso

Adestramento do Cisne 16/17 Cristina Saiz

A un punto da fase de ascenso está o Cisne, inmerso nunha igualada loita con Torrelavega, Alarcos e Alcobendas polas dúas últimas prazas para xogar o play-off, tendo en conta que Palma del Río e Zamora, ademais do líder Teucro, parece que se repartirán as outras dúas.

Os catro equipos que están nesa pelexa atópanse separados por un só punto, por iso calquera opción de sumar pode marcar a diferenza.

O cadro pontevedrés necesita mellorar as súas prestacións a domicilio para seguir aspirando a pelexar pola zona de honra da categoría, xa que lonxe da súa cancha só conseguiu gañar esta campaña en dúas ocasións (BMC e Gijón Jovellanos). Por iso é polo que a complicada saída deste sábado (18:00 horas) á pista do Barcelona B pode supoñer unha boa oportunidade para reivindicarse.

Os de Jabato visitan a un filial blaugrana que é o único equipo que gañou no CGTD ata a data e que ocupa a cuarta posición da categoría. 

Rival de categoría para un equipo que nos últimos días cubriu a ficha libre deixada por Fabián González cun home da casa, Santi Picallo, que será o terceiro porteiro do plantel.