"Estamos conseguindo cousas históricas": Homenaxe aos medallistas de Tenis de Mesa Monte Porreiro

O Concello de Pontevedra recibiu os gañadores de cinco medallas nacionais de tenis de mesa: Miguel Ángel Vílchez, Judith Cobas, Alba Prado e Matías Betancor

Recoñecemento aos medallistas de Tenis de Mesa de Monte Porreiro
Recoñecemento aos medallistas de Tenis de Mesa de Monte Porreiro / Antía Quinteiro García

Este martes 17 de marzo, o Concello de Pontevedra recibiu a catro gañadores das cinco recentes medallas nacionais do Tenis de Mesa de Monte Porreiro. Ao evento asistiron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anabel Gulías.

Durante esta homenaxe, comentouse o proceso individual de obtención de medallas. Nando Álvarez, director deportivo e preparador del Tenis de Mesa Monte Porreiro, asegurou que o nivel da competición era moi alto, sinalando que "nuns estatais tan difíciles cos 40 mellores xogadores e xogadoras do país é complicado".

Pero como ben afirma o club "non damos unha pelota por perdida". Esta declaración define a identidade da agrupación pontevedresa.

Grazas a estes últimos logros, a entidade deportiva atópase nunha situación deportiva excepcional, ao que o adestrador engadiu que "estamos conseguindo cousas históricas".

O alcalde mostrou o seu interese cara a esta actividade mencionando unha serie de melloras nas condicións do equipo, coas que facilitar o adestramento para permitirlles progresar no futuro. Ademais, indicou que o tenis de mesa "ten unha historia curta, pero moi exitosa" nesta cidade.

Os medallistas, Miguel Ángel Vílchez, Judith Cobas, Alba Prado e Matías Betancor expresaron as súas sensacións tras recibir este recoñecemento.

Judith Cobas, Alba Prado, Matías Betancor e Miguel Ángel Vílchez
Judith Cobas, Alba Prado, Matías Betancor e Miguel Ángel Vílchez Antía Quinteiro García

En xeral, todos manifestaron a súa satisfacción e valoración por recibir estes premios, aínda que Miguel Vílchez e Judith Cobas, gañadores de ouro en anos anteriores, teñen unha sensación agridoce por non ter logrado repetir esa experiencia.

Con todo aprecian o traballo que hai detrás "non só para min, senón tamén polo esforzo do club", como afirma Vílchez. Cobas considerou a necesidade de "dar importancia a esa medalla que realmente foi moi difícil de conseguir".

Finalmente, Alba Prado recalcou a súa intención de continuar mellorando e conseguindo éxitos no equipo. Ademais, Matías Betancor recoñece o esforzo do equipo para chegar a esa posición, tendo moito mérito xa que compiten con grandes xogadores que elevan o nivel.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora