Estrea "de ouro" para Galicia no Campionato de España de Ciclocrós

Pontevedra
11 de xaneiro 2020

Con nove medallas, catro delas de ouro, os corredores anfitrións brillaron na Illa das Esculturas

Primeira xornada do Campionato de España de Ciclocrós 2020 na Illa das Esculturas
Primeira xornada do Campionato de España de Ciclocrós 2020 na Illa das Esculturas / Diego Torrado

Obxectivo cumprido para a Selección galega de Ciclocrós no primeiro día de competición na Illa das Esculturas con nove medallas, catro delas de ouro.

Foi un sábado brillante para o ciclocrós galego que comezou coas vitorias de Isabel Castro e Marcial Rodríguez na categoría máster-50, e Natalia Raña en máster-40. Así mesmo, Andrés Calvete colgouse a prata nos máster-30, mentres que o cadete Iván Ferández, a máster-30 Rocío Blanco e a máster 40 Sonia Costoya quedaron en terceiro lugar.

Pola súa banda, o desenlace máis emocionante conseguiuno a corredora do Ciudad de Pontevedra, Laura Mira, xunto coa súa compañeira de selección, a ponteareá Uxía Soto (Avanza), culminando unha espectacular remontada despois de pasar fóra das posicións de podio ao final da primeira das tres voltas ao circuíto e finalizando en primeiro e segundo lugar respectivamente.

En canto ao combinado júnior, o podio resistíuselle a Galicia. O vigués Jorge Fernández (Rías Baixas) logrou o mellor resultado para os corredores galegos cun quinto posto.

O campionato estatal finalizará este domingo cos pratos fortes. Abrirán a xornada os sub-23 masculinos (10:00 horas), e a continuación competirán as elite/ sub-23 e junior feminina (11:30). Xusto despois celebrarase a primeira edición da Carreira Inclusiva (12:40), que dará paso aos elite masculinos (13:30) que se encargarán de pechar esta fin de semana.