A prata de Trabazo e o ouro de Feijoo pechan a histórica actuación galega do Campionato de España de Ciclocrós

Pontevedra
12 de xaneiro 2020

A Selección Galega de Ciclocrós pon o broche de ouro ao Campionato de España disputado na  Illa das Esculturas de Pontevedra cun total de 11 medallas

Proba feminina da segunda xornada do Campionato de España de Ciclocrós 2020
Proba feminina da segunda xornada do Campionato de España de Ciclocrós 2020 / Diego Torrado

A Selección Galega de Ciclocrós pon o broche de ouro ao Campionato de España disputado na  Illa das Esculturas de Pontevedra cun total de 11 medallas.

Despois das nove medallas logradas durante a primeira xornada de competición, os competidores galegos pecharon a súa participación no campionato con dúas medallas máis, unha de ouro e outra de prata.

Foron dous ciclistas  sub-23, unha delas Irene Trabazo, que se subiu ao podio para recoller a medalla de prata e desquitarse da decepción do ano anterior cando un problema mecánico deixouna sen opcións. Esta vez volveu sufrir un contratempo ao comezo da proba pero a corredora de Marín non deixou escapar a segunda praza na súa categoría e sexta na táboa absoluta.

O outro en conseguir a medalla para Galicia, foi o ourensán Iván Feijoo, que se colgou o ouro tal e como fixera facía un ano no mesmo escenario. O corredor do Nesta tomou o mando da carreira desde a primeira  pedalada e mantívose na cabeza ata o paso por meta sen deixar opcións aos seus rivais.

Con estas dúas medallas, o balance total da competición para a Selección Galega neste Campionato de España finalizou en: cinco ouros (Laura Mira, Iván Feijoo, Isabel Castro, Marcial Rodríguez e Natalia Raña), tres pratas (Irene Trabazo, Uxía Soto e Andrés  Calvete), e tres bronces (Iván Fernández, Rocío Blanco e Sonia Costoya).

Así mesmo, tamén se celebrou a primeira edición da carreira inclusiva para deportistas con capacidades diferentes reunindo a máis de medio centenar de corredores capitaneados por Borja Gómez, o rapaz que inspirou a idea. Entre os participantes atopábanse membros da Asociación  Amencer, Rodando ou Discamino, entre outras.