Experiencia internacional para o Club Waterpolo Galaico

Pontevedra
22 de marzo 2016

O Paredes portugués proclamouse campión do V Trofeo Internacional de Waterpolo Cidade Pontevedra disputado na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva 

V Torneo Internacional de Waterpolo Cidade de Pontevedra
V Torneo Internacional de Waterpolo Cidade de Pontevedra /

O Paredes/Halcon/Rota dos Móveis levou o trofeo de campión do V Trofeo Internacional de Waterpolo Cidade Pontevedra disputado na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. 

O club portugués foi o mellor dunha competición con tres equipos, en formato de ida e volta, polo que cada equipo xogou catro encontros con partes de seis minutos cada unha.

O Paredes, terceiro clasificado da Primeira División lusa, gañou todos os seus partidos, os máis igualados ante o tamén portugués Club Naval Povoense, por 18-10 e 11-9.

Pola súa banda o Waterpolo Galaico perdeu os seus encontros pero mostrou unha boa imaxe. Cedeu ante o Paredes por 8-17 en dúas ocasións e ante o Povoense por 11-15 e un apertado 9-12 nun partido no que estiveron por diante no marcador ata o último cuarto.

Unha boa experiencia para os pontevedreses, que puideron enfrontarse a equipos de maior nivel deportivo nuns partidos que serven de preparación para o inminente play-off polo título galego.