Facundo Cangiani convértese na segunda fichaxe do Teucro

Pontevedra
29 de maio 2018

O extremo arxentino, que a pasada campaña debutou na Liga Asobal nas filas do Balonmano Zamora, firma co club pontevedrés por unha tempada

Facundo Cangiani e Borja Méndez, no partido entre Teucro e Zamora no Municipal Diego Torrado

O novo proxecto da Sociedad Deportiva Teucro con Luis Montes no banco segue tomando forma, tras confirmar o club este martes o que é a súa segunda fichaxe.

Trátase do arxentino Facundo Cangiani, internacional co seu país que asina por un ano e que chega a Pontevedra procedente do Balonmano Zamora, equipo co que debutou na liga  Asobal no curso recentemente finalizado.

"É un xogador que responde ao que necesitamos, vai achegar moi bo nivel de finalización, moitísimas posibilidades no contraataque e na transición e tamén nos dará en defensa", explicou o seu novo adestrador, Luis Montes.

O 'Fafa'  Cangiani actúa de extremo dereito e xogou coa súa selección os campionatos mundiais de 2015 e 2017. En Zamora sumou o último curso 51 goles cun 65% de efectividade no  lanzamento.

Con esta incorporación son seis os xogadores confirmados no Teucro para a próxima tempada, xunto aos renovados Andrés Moyano, Dani Hernández, Samu Gómez e Juan Quintas e ao fichado Davor Cutura.