Fallon Lewis segue en EEUU e convértese en seria dúbida para os primeiros partidos do ano

Pontevedra
03 de xaneiro 2015

A xogadora norteamericana intenta solucionar uns problemas co seu visado para poder entrar de novo en España. A previsión do Arxil é que todo quede solucionado a mediados de mes, aínda que traballan en axilizar os trámites

Fallon Lewis no partido entre Arxil e Pabellón Ourense
Fallon Lewis no partido entre Arxil e Pabellón Ourense / Diego Torrado

O Arxil encóntrase estes días pendente dos trámites legais que a súa xogadora Fallon Lewis debe realizar no seu país para poder volver a España.

Estes trámites, relacionados co seu visado, prolongáronse máis do que cría inicialmente no club verde, convertendo a Lewis en seria dúbida para a volta da competición, o próximo 10 de xaneiro a domicilio ante o Bizkaia.

A xogadora debe desprazarse dende Denver ata o consulado de San Francisco nunha viaxe de aproximadamente tres horas en avión para presentar os documentos requiridos polas autoridades estadounidenses.

Unha vez presentados, incluído o contrato de traballo co Arxil, o prazo de resolución pode estenderse ata un mes, aínda que a previsión é dunha semana.

Así o recoñecen dende o club verde, que intentou poñerse en contacto co consulado para poder axilizar este proceso e contar así canto antes cunha xogadora que se converteu en pouco tempo nun dos piares do equipo de Liga Feminina 2.