Felicitacións ao rugby pontevedrés, dobre campión galego

Pontevedra
26 de abril 2024

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, recibiu este venres ao equipo M14 do Mareantes Rugby Club e ao conxunto M16, campión e subcampión galego. Ademais o equipo feminino do Pontevedra Rugby Club tamén conseguiu o título autonómico

Recepción municipal aos equipos M14 e M16 do Mareantes Rugby Club
Recepción municipal aos equipos M14 e M16 do Mareantes Rugby Club / Mónica Patxot

O rugby pontevedrés está de parabén, e é que ata tres dos seus equipos participaron a pasada fin de semana nas finais das ligas galegas celebradas en Lalín.

Alí estaban por exemplo o equipo M14 e o M16 do Mareantes Rugby Club, formacións que este venres recibiron as felicitacións polo seu bo papel de parte da concelleira de Deportes, Anabel Gulías.

Foi nunha recepción oficial celebrada no Concello de Pontevedra.

O Mareantes M14 proclamouse campión autonómico ao vencer no seu final por 54-24 a Os Ingleses, mentres que o M16 foi subcampión ao caer na final fronte ao Vigo Rugby (36-43).

Ademais en Lalín conseguiu levantar o título galego o equipo senior feminino do Pontevedra Rugby Club, gañando no partido decisivo ao CRAT coruñés (38-34).