Fin á aventura de Quique Domínguez en Arabia Saudita

Pontevedra
26 de febreiro 2019
Actualizado: 13:53

O Mudhar, club saudita ao que adestraba desde o verán, anunciou o pasado sábado a súa substitución como adestrador do equipo despois de sufrir unha derrota en liga

Quique Domínguez, nun partido do Mudhar en Arabia Saudita Mudhar Handball Club

A aventura do pontevedrés Quique Domínguez en Arabia Saudita chegou ao seu final de maneira prematura.

O Mudhar Handball Club, do que era máximo responsable deportivo desde o verán, anunciou o pasado sábado 23 de febreiro a súa substitución no cargo cun breve comunicado na súa páxina web e redes sociais.

A decisión tomouse, segundo informou o xornalista Xurxo G.G. en Diario de Pontevedra, tras a derrota sufrida o venres por 23-25 ante o Al-Khaleej.

"O Consello de administración celebrou unha reunión urxente o sábado pola tarde en presenza do Vicepresidente Dr. Saeed Al Jaroudi e tomou a decisión de terminar o contrato do adestrador español e encomendar a tarefa ao adestrador nacional Sr. Hasan Abu Al-Millat", sinala o comunicado oficial do Mudhar.

Quique Domínguez, que puxera fin á súa etapa no Teucro ao final da pasada campaña, tiña contrato en vigor coa entidade saudita ata final de tempada. 

Durante o seu periplo no país árabe, o Mudhar logrou acabar como líder do seu grupo a primeira fase da súa liga nacional.