Forster, dispoñible para a segunda xornada ligueira do Arxil

Pontevedra
10 de outubro 2019

A pívot estadounidense, que foi a gran ausencia do equipo na primeira xornada por problemas burocráticos, recibiu o tránsfer e viaxará coas súas compañeiras a Pozuelo de Alarcón, onde as verdes esperan estrear o seu marcador de vitorias

Tempo morto do Arxil no partido ante o Celta no CGTD
Tempo morto do Arxil no partido ante o Celta no CGTD / Diego Torrado

O Club Baloncesto Arxil viaxa esta fin de semana a terras madrileñas, concretamente a Pozuelo de Alarcón, co obxectivo de estrear o seu marcador de vitorias na nova tempada da Liga Feminina 2, tras a súa derrota no debut ante un dos máximos favoritos ao ascenso como é o Celta Zorka.

O conxunto pontevedrés poderá contar esta vez cun das fichaxes chamadas a ser determinantes no equipo, a estadounidense Heather Forster, ausente no primeiro encontro por problemas burocráticos.

A pívot, xa co tránsfer na man, será vez ser da partida na que será a súa estrea como profesional tras completar a súa formación na liga universitaria norteamericana (NCAA), concretamente na Universidade de Albany.

A que non estará dispoñible para Mayte Méndez será a canteirá Aldara Vázquez, que se recupera dunha lesión producida nun accidente de tráfico.

A segunda xornada de competición para o Arxil disputarase este sábado (20:00 horas) na cancha do Pozuelo UFV, que no seu primeiro encontro foi derrotado polo ADBA en Avilés.