Final da tempada de ciclismo na estrada para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz.
Tras ser protagonista e rozar o triunfo na Volta a Galicia, o equipo pontevedrés acudía coas mesmas aspiracións á Vuelta a Salamanca.
Unha rolda por etapas na que terminou subindo ao podio para despedir con bo sabor de boca o curso.
José Autrán finalizou terceiro despois de tres xornadas, a 13 segundos do vencedor, Gari Ugarte (Euskadi Fundazioa), o mesmo tempo que cedeu na contrarreloxo final.
O corredor do Froiz quedou ademais a só un segundo da segunda posición, que foi para Maksym Bilyi (Equipo Cortizo).
O día antes, na segunda etapa, tres ciclistas da escadra alimenticia pelexaron polo triunfo parcial, sendo terceiro en meta Manuel Rodríguez, cuarto Mateu Estelrich e quinto Autrán.
Iso si, o Froiz levou un bo botín en Salamanca xa que Mateu Estelrich impúxose na clasificación da montaña e na do sprint especiais.
Pechado o curso na estrada, no horizonte para o equipo pontevedrés aparece xa a tempada invernal de ciclocrós.