Frustrante fin de semana de competición para o Froiz

Pontevedra
06 de marzo 2017

A Copa de España ségueselle resistindo ao equipo pontevedrés, que na Aiztondo Klasikoa, segunda proba puntuable, estivo lonxe dos primeiros postos nunha carreira marcada pola dureza das condicións meteorolóxicas. Pola súa banda César Neira quedou ao bordo das medallas no Mundial de Ciclismo Adaptado en Pista

Martín Bouzas, na concentración de pretempada do Froiz 2017 Mónica Patxot

Iniciaba con moitas esperanzas o Grupo Deportivo Supermercados Froiz a Copa de España Elite e Sub-23, pero despois de dúas probas puntuables o rendemento do equipo non foi o esperado.

Na Aiztondo Klasikoa, celebrada este domingo no País Vasco, os ciclistas do equipo pontevedrés estiveron lonxe da cabeza, nunha carreira marcada pola choiva no seu inicio.

O Froiz viuse sorprendido por un movemento dos grandes favoritos, que quixeron evitar riscos coa estrada mollada e marcharon nunha escapada de 17 corredores sen presenza da escuadra alimenticia.

Entre eles estaba Gonzalo Serrano (Caja Rural), vencedor no Circuíto do Guadiana e que repetiu triunfo para consolidar o seu liderado na Copa de España ao impoñerse a Antonio Jesús Soto (Lizarte), con quen marchou a 23 de meta na dura ascensión de Sarasola.

O primeiro corredor do Froiz na liña de meta foi Martín Bouzas, no posto 25, a 4 minutos e 10 segundos do vencedor.

CÉSAR NEIRA ROZA O PODIO NO MUNDIAL ADAPTADO

Outras das citas importantes da fin de semana para o Froiz era o Campionato do Mundo de Ciclismo en Pista Adaptado que se celebraba en Los Ángeles (Estado Unidos) coa presenza dun dos seus deportistas, César Neira.

O deportista do equipo pontevedrés rozou o podio na proba de persecución MC4. Clasificouse para a pelexa polo bronce pero quedou finalmente a dous segundos do ruso Sergei Pudov finalizando en cuarto lugar. Ademais Neira competiu na proba do quilómetro sendo noveno na súa categoría.

PEDRO MERINO, SEGUNDO EN TOLEDO

A mellor actuación do fin de semana foi a de Pedro Merino no XXXVII Trofeo de Olías del Rey, en Toledo. O ciclista do Froiz pelexou ata o final polo triunfo cedendo ao sprint ante Mario Carrasco (Gsport Valencia).