O FSF Castro levanta a Copa Galicia ao impoñerse ao Poio Pescamar nunha final vibrante

Poio
02 de abril 2026

O conxunto lucense remontou o gol inicial de Èlia nun encontro disputado ata o último segundo e que encheu as bancadas do Municipal de Pontevedra

Final da Copa Galicia de Fútbol Sala entre Poio Pescamar e Castro
Final da Copa Galicia de Fútbol Sala entre Poio Pescamar e Castro / Cristina Saiz

O Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra acolleu este xoves, 2 de abril, a final da Copa Galicia de fútbol sala feminino.

O FSF Castro acadou o título autonómico ao vencer por 3-2 ao Poio Pescamar nun partido que se resolveu no tramo final e que mantivo a incerteza no marcador ata a última xogada.

O Poio Pescamar iniciou o encontro co quinteto formado por Elena, Martita, Ale de Paz, Pedreira e Chuli. O equipo conserveiro tomou a iniciativa no minuto 6, cando Èlia finalizou unha xogada individual pola banda dereita cun remate á escadra que supuxo o 0-1.

Durante os primeiros compases, as porteras Elena e Caridad interviron para evitar máis cambios no marcador ante os intentos de Ale de Paz e Natalinha.

O FSF Castro buscou a igualdade e atopouna no minuto 16 por mediación de Patricia.

Antes de chegar ao intermedio, ambos os adestradores solicitaron tempos mortos para axustar os seus sistemas, e o partido chegou ao descanso cun empate a un gol tras un remate ao poste de Débora para o bando lucense.

Na reanudación, o equipo de Ribeiras de Lea atopou o camiño do gol no minuto 32. Luana aproveitou unha acción ofensiva para situar o 2-1.

A reacción do Poio Pescamar foi inmediata, cun lanzamento de Rafa Pato que impactou no pau na xogada seguinte.

Ante a necesidade de igualar o choque, o adestrador Luis López-Tulla decidiu empregar a estratexia de porteira-xogadora.

Porén, un erro na circulación de balón permitiu a Antía Pérez anotar o 3-1 no minuto 37 cun disparo que entrou na portería baleira do equipo que este xoves vestía de verde.

Sen perder os nervios, o Poio Pescamar reduciu a diferenza a falta de pouco menos de tres minutos para o final. Ale de Paz executou un lanzamento que supuxo o 3-2 e incrementou a presión sobre a defensa en zona do Castro.

No minuto final, un novo remate de Ale de Paz golpeou no longueiro e Carolina dispuxo de dúas ocasións que non atoparon portería.

A última acción tivo lugar cunha décima de segundo no cronómetro, tras unha falta sobre Carolina. O lanzamento final pegou na barreira, certificando a vitoria do FSF Castro.

Ao remate do encontro, as xogadoras de ambos os equipos realizáronse o corredor de honra durante a entrega de trofeos.

Luisa Mayara, capitana do equipo de Castro de Rei, recolleu a copa de mans do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, ante o aplauso da numerosa afección desprazada ata o pavillón de Pontevedra.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora