Fundan en Pontevedra a liga de piragüismo da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal

Pontevedra
04 de marzo 2022

A liga estará composta por catro regatas, a celebrar dúas en Galicia e outras dúas en Portugal, nas modalidades de pista, maratón, travesía e kaiak de mar así como o Trofeo Xacobeo de novas promesas

Os presidentes das federacións galega, española e portuguesa de Piragüismo crean a liga Eurorrexión Galicia Norte de Portugal
Os presidentes das federacións galega, española e portuguesa de Piragüismo crean a liga Eurorrexión Galicia Norte de Portugal / Mónica Patxot

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra foi este venres o escenario no que se asinou a creación dunha nova competición de piragüismo: a Liga da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal.

O novo protocolo foi asinado polo presidente da Real Federación Española de Piragüismo, Javier Hernanz; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea; o presidente da Federación Portuguesa de Canoa, Víctor Manuel Taborda; e co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, como testemuña.

O protocolo asinado entre as tres federacións permitirá optimizar os seus recursos dispoñibles co obxectivo de mellorar os resultados deportivos, a participación e a organización de eventos deportivos ibéricos e internacionais, a formación de adestradores e o establecemento de estratexias comúns na política exterior.

Un dos principais obxectivos será preparar aos padexeiros e padexeiras de cara aos Xogos Olímpicos de París 2024, así como o pulo das actividades de fomento e divulgación do piragüismo na península. O devandito protocolo abrangue aos 62 clubs galegos de piragüismo e a todos os clubs da zona norte de Portugal, pero non é excluínte a calquera club do resto de ambos os dous países coa finalidade de potenciar as actividades nas diferentes eurorrexións.

A Liga Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal organizarase nas categorías de Maratón, Caiac Polo, Slalom e Velocidade. Ademais, realizaranse concentracións conxuntas e outras actividades de tecnificación; colaborarase na organización de eventos deportivos internacionais; contribuirase á formación conxunta de adestradores, particularmente no Congreso de Pontevedra 2022; realizaranse actividades arbitrais e de colaboración mutua e definiranse estratexias comúns no marco da política exterior da modalidade para reforzar o papel de ambos países no panorama internacional.

Segundo o protocolo asinado este venres, a Liga Eurorrexión estará composta por catro regatas -pista de sub23 e sénior, maratón de xuvenís, sénior e veteranos, travesía e caiac de mar de cadetes a veteranos, así como o Trofeo Xacobeo de Novas Promesas- dúas a celebrar en Galicia e outras dúas a celebrar na zona norte de Portugal.

Ambas as tres federacións acordaron coa Xunta de Galicia definir tamén un proxecto europeo elixible a longo prazo para captar fondos internacionais que contribúan ao desenvolvemento do programa.