Oito medallistas olímpicos e outros moitos aspirantes cítanse esta fin de semana en Verducido

Pontevedra
21 de abril 2022

A primeira rolda da Copa de España de Piragüismo de distancias olímpicas celébrase no encoro do Pontillón do Castro os días 23 e 24 de abril coa presenza dos mellores padeeiros de España

Alfredo Bea e Tino Fernández presentan a primeira rolda da Copa de España Sénior e Xuvenil 2022
Alfredo Bea e Tino Fernández presentan a primeira rolda da Copa de España Sénior e Xuvenil 2022

Por primeira vez na historia no complexo deportivo David Cal do Pontillón do Castro daranse cita nunha mesma competición oito medallistas olímpicos e outros moitos finalistas de citas continentais, mundiais e tamén de Xogos Olímpicos. O evento será esta fin de semana e en xogo estarán os puntos da primeira rolda da Copa de España, así como prazas para as próximas copas do mundo ou citas europeas e mundiais.

Teresa Portela, Rodrigo Germade, Carlos Arévalo, Isaac Toro, Carlos Pérez, Saúl Craviotto, Sete Benavides e Marcus Cooper darán lustre cos seus metais olímpicos a un evento no que terán que batallar, sobre distánciaa sprint, con outros grandes padeeiros como Antía Jácome, Tono Campos, Manuel Fontán, Pablo Graña ou Adrián Sieiro. En definitiva, un elenco infestado de figuras de talla mundial que animan ao público para gozar de dúas xornadas de piragüismo do máis alto nivel. 

A competición, que foi presentada este xoves no Concello de Pontevedra polo concelleiro de Deportes, Tino Fernández; e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea; celebrarase o sábado e o domingo. Para esta última xornada, en horario de mañá, están prevista as finais de cada unha das modalidades, que serán C1 e K1 tanto masculino como feminino sobre as distancias de 1.000, 500 e 200 metros.

"É a maior presenza da historia de medallistas e finalistas olímpicos en Pontevedra esta fin de semana no Pontillón", destacou Tino Fernández, que volveu reivindicar o piragüismo como un deporte estratéxico para a cidade.

Pola súa banda, Alfredo Bea subliñou a singularidade de agrupar nunha competición nacional a estas grandes figuras do piragüismo español, algo que non ocorría desde hai moito tempo porque nos últimos anos a Federación Española deu prioridada aos eventos internacionais sobre os nacionais pola sobrecarga do calendario, algo que este ano, no que se inicia un novo ciclo olímpico, corrixiuse.