O Complexo Deportivo David Cal do encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, foi escenario este venres da segunda e última xornada do control selectivo organizado pola Real Federación Española de Piragüismo para definir o equipo nacional que competirá nas próximas probas internacionais.
De novo a principal atención estaba posta nas distancias olímpicas, nas que se poñía en xogo o pase á primeira Copa do Mundo da tempada en Racice, que á súa vez decidirá as prazas para o Mundial de Canadá.
Se o primeiro día Antía Jácome impoñíase no C-2 500, Adrián Sieiro conseguía clasificarse na mesma proba sendo segundo e o K-4 500 feminino con Tere Portela e Carolina García vencía na súa distancia, este venres o piragüismo pontevedrés confirmou o seu bo papel.
Precisamente Carolina García e Teresa Portela conseguían o billete para a Copa do Mundo esta vez no K-2 500 metros, no que foron segundas superadas por Sara Ouzande e Isabel Contreras.
Ademais nas probas de selección sobre os 200 metros, Teresa Portela sumaba unha vitoria cambiando de parella xunto a Sara Ouzande.