Antía Jácome e Adrián Sieiro no C-2 e Tere Portela e Carolina García no K-4 logran o seu billete para a Copa do Mundo

Pontevedra
05 de maio 2022

O Complexo Deportivo David Cal do encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, acolleu este xoves a primeira xornada do control selectivo organizado pola Real Federación Española de Piragüismo para as próximas competicións internacionais

Antía Jácome con María Corbera no Selectivo en Verducido no que logrou a clasificación para os Xogos Olímpicos de Tokio
Antía Jácome con María Corbera no Selectivo en Verducido no que logrou a clasificación para os Xogos Olímpicos de Tokio / Mónica Patxot

Positiva xornada para o piragüismo pontevedrés no control selectivo organizado pola Real Federación Española de Piragüismo para conformar o equipo nacional que competirá no próximo Mundial, así como noutras competicións internacionais.

O Complexo Deportivo David Cal do encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, acolleu a selección das embarcacións de equipo, previa á Copa de España que terá lugar a fin de semana.

Unha das grandes protagonistas foi a local Antía Jácome, dominadora xunto a María Corbera no C-2 comandando a súa serie de principio a fin para gañar o billete para a primeira Copa do Mundo da tempada, na que estará en xogo o pase ao Campionato do Mundo Sprint que terá lugar en agosto en Halifax, Canadá.

Tamén lograron o seu pase, dentro do K-4 feminino e de maneira máis apurada, a subcampioa olímpica Teresa Portela e a pontevedresa Carolina García, formando equipo con Sara Ouzande e Laia Pèlachs. Todo un agasallo de aniversarios para Portela, que celebraba este xoves 40 primaveras.

Segundo foi Adrián Sieiro (Piragüismo Poio Pescamar) no C-2 masculino no que formaba equipo co balear Joan Antonio Moreno, por detrás Cayetano García e Pablo Martínez que remontaron unha quenda tremendamente igualada, polo que tamén irán á Copa do Mundo de Racice, mentres que terceiros foron terceiros Manuel Fontán (O  Muíño) e Pablo Graña (RCN Rodeira).