Furor polas novas camisetas do Pontevedra

Pontevedra
23 de setembro 2024

O club granate vendeu máis dun cento de camisetas na primeira xornada na que estaban dispoñibles na tenda de Pasarón, unha cifra que puido ser mesmo maior ante os afeccionados que desistiron no intento polas colas de afeccionados antes e despois do encontro e por esgotarse varios talles. Desde este luns, pódense adquirir as camisetas tamén en liña

Camiseta do Pontevedra CF para a tempada 24-25 Pontevedra CF SAD

Foi unha das imaxes do domingo no Estadio Municipal de Pasarón, as colas na tenda oficial do Pontevedra Club de Fútbol e afeccionados lucindo por fin con orgullo os novos equipamentos do seu equipo, da firma Kappa.

O club granate anunciara horas antes que as camisetas para a presente tempada estarían ao fin dispoñibles para a venda, e foron moitos os seguidores que se achegaron a velas de preto e tamén a rascar o peto para facerse cunha delas.

Foi todo un furor, cun número importante de vendas rexistradas que puido mesmo ser maior, ao esgotarse os talles L e XL do primeiro equipamento e porque as colas en caixa antes e despois do partido provocaron que moitos afeccionados preferisen esperar a mellor ocasión para levar o prezado botín.

Segundo cifras oficiais, foron máis dun cento as camisetas vendidas, cun prezo para a granate de 70 euros (60 para os socios) e de 60 euros no segundo equipamento (55 para os abonados).

O club granate confirmou ademais a reposición este mesmo luns dos talles esgotados, e o inicio da venda tamén en liña a través da súa páxina web.